
II Premio Stephen Hawking. O Premio Nobel de Química Jean Pierre Sauvage (no centro), entre a Conselleira de Educación, Formación Profesional e Universidade Carmen Pomar e o director Xavier Mouriño, xunto cos mermbros do xurado, o alumnado premiado e o profesorado dos centros educativos participantes.
Un dos obxectivos do proxecto educativo do instituto é o de fomentar a cultura científica e tecnolóxica. Pretendemos que o noso alumnado cultive a curiosidade e desenvolva habilidades para a indagación e a investigación. Queremos sentar as bases dunha cultura científica entre o alumnado da ESO e o bacharelato, que lle permita acceder de xeito máis doado á investigación cando acceda á universidade. A ciencia e a tecnoloxía son piares fundamentais do desenvolvemento da sociedade actual e o alumnado debe familiarizarse con eles dende os primeiros anos do instituto. Como ben dixo o grande físico inglés Stephen Hawking na súa visita ao noso centro no ano 2008: O mundo depende cada vez máis da tecnoloxía e da ciencia. Polo tanto, é moi importante que a xenta comprenda a ciencia e a mellor maneira de conseguilo é facer que se interesen por ela cando son novos.
Concordamos coas palabras do extraordinario científico inglés e no instituto apostamos pola presencia da investigación desde os primeiros cursos da ESO. Non o facemos pensando só no valor de futuro, senón no prinicpio irrenunciable de ofrecer un ensino de calidade. Porque nese ensino a investigación non pode estar ausente. A investigación debe estar presenta nas aulas e ser obxecto de aprendizaxe, porque favorece a construción de coñecemento significativo. Está demostrado que a investigación que levan a cabo os estudantes sobre os contidos obxecto de coñecemento e a do profesorado sobre a construción de coñecemento no grupo, son excelentes catalizadores dos procesos educativos: favorecen o papel activo da persoa implicada, garanten a motivación pola aprendizaxe, facilitan a incorporación de tarefas e actividades de moi distinta natureza, e introducen no seu desenvolvemento o binomio de acción e reflexión continua, o que conduce non só a aprendizaxes significativas sobre contidos concretos senón tamén á aprendizaxe de estratexias de aprender a aprender.
En fin, entendemos a investigación como fonte de coñecemento. Tanto de coñecemento das estratexias globais que se poñen en práctica na resolución de problemas (a planificación da actividade orientada a un obxectivo escolar, o control e regulación desa actividade, e a súa avliación ao finalizar a mesma) coma os coñecementos procedimentais que se empregan no desenvolvemento de actividades investigadoras: a) as destrezas técnicas, relacionadas coa realización de montaxes, maquetas ou construción de aparatos; b) as destrezas básicas, como a clasificación, a seriación ou a observación; c) as destrezas de investigación, como a formulación de preguntas e hipóteses de traballo, a utilización de procedementos de contrastación ou a elaboración de conclusións; e d) as destrezas de comunicación, como a representación simbólica, a identificación de ideas en material escrito ou a elaboración de informes ou materiais.
ACTIVIDADES NO ÁMBITO DA CIENCIA E DA TECNOLOXÍA
Son moitas as actividades científicas que se desenvolven no centro, pero hai dúas que sobresaen porque representan o faro da investigación científica: O Premio Stephen Hawking, para alumnado de bacharelato de centros galegos, e o Premio IN: innovación, investigación e invención, para o noso alumnado da ESO. Debemos destacar que no ano 2009 celebrouse no instituto o Certame internacional Ciencia en Acción: durante tres días máis de tres mil participantes, estudantes de primaria e secundaria, universitarios, profesores/as e divulgadores/as científicos/as de todo España, Latinoamérica e Portugal, puideron asistir á presentación de proxectos, conferencias, vídeos, obras de teatro e experiencias que serviron para achegar a todo o público a ciencia e a tecnoloxía.
Son moitos os premios acadados polo noso alumnado no ámbito científico. Nas Olimpiadas participamos tódolos anos e en todos temos alumnado que colleita premios tanto a nivel galego coma nacional. No ano 2011, a alumna Ana Fandiño representou a España na Olimpiada Internacional de Xeoloxía que se cebrou en Módena (Italia); o alumno Ángel participou na de Tokio (2 ) e Pedro Vieites en Colombia (2018). Desde o ano 2007 vimos participando ininterrompidamente no Certame de Xoves Investigadores, organizado polo Ministerio de Educación e o Instituto da Xuventude. Foron moitos os alumnos e alumnas que gañaron premios neste certame e houbo 2 que foron elixidos para representar a España no Certame Europeo de Xoves Investigadores: en 2009, Alejandro Rivero de Aguilar estivo no certame que se celebrou en París, onde recibiu o Premio Especial do Centro Nacional de Investigacións Científicas Francés, e en 2011, Pablo Almuiña estivo no certame que se celebrou en Helsinki. O xurado do Certame de Xoves Investigadores tamén concedeu Premios espaciais polo seu destacado labor de fomento da cultura científica no ámbito da xuventude a dúas profesoras do instituto: María Rosario García-Echave López, na edición de 2008, e María del Carmen Touza Prieto, en 2009. O xurado concedeu o Premio espacial ao centro en 2010.
No ámbito da tecnoloxía tamén acadamos numerosos premios. A fonte deses premios está no labor que dende hai anos desenvolve o profesorado de Tecnoloxía, fomentando a innovación e a creatividade e aportando axuda e ilusión. No curso 2005/6, o alumno Alejandro Rivero de Aguilar acadou o primeiro premio de Galicia Innovación Junior; Pablo Dobarro, no 2008/9; Pablo Fernández gañou o Premio Nacional Exporecerca organizado poa Universidade Pompeu Fabra no ano 2011; Carlos Almuiña, Pablo Dobarro, Pedro García e José Manuel Vigo obtiveron o Premio absoluto de Galiciencia en 2012 co seu coche eléctrico experimental.
| Column 1 | Column 2 | Column 3 | Column 4 | Column 5 |
|---|---|---|---|---|
| Column 1 Value | Column 2 Value | Column 3 Value | Column 4 Value | Column 5 Value |
| Column 1 Value 2 | Column 2 Value 2 | Column 3 Value 2 | Column 4 Value 2 | Column 5 Value 2 |
| Column 1 Value 3 | Column 2 Value 3 | Column 3 Value 3 | Column 4 Value 3 | Column 5 Value 3 |
| Column 1 Value 4 | Column 2 Value 4 | Column 3 Value 4 | Column 4 Value 4 | Column 5 Value 4 |