O IES Plurilingüe Rosalía de Castro, O Rosalía, é un centro de ensino público situado en el centro de Santiago de Compostela a escasos metros da catedral. A súa sede é un edificio patrimonial de 400 anos de historia: o Colexio San Clemente de Pasantes, fundado polo arcebispo Juan de San Clemente a principios do século XVII, seguindo o modelo do Colexio de Fonseca. No ano 1941 converteuse na sede do recén creado (1939) Instituto feminino de Ensino secundario. Leva o nome da poeta galega Rosalía de Castro por decisión do entón Ministro de Educación José Ibáñez Martín. No curso 1985/86 o instituto pasou a ser mixto. Desde o ano 1993 conta con dúas novas instalacións situadas na parte posterior do edificio principal: un polideportivo e un auditorio, ámbolos dous proxectados polo arquitecto alemán Paul Kleihues.
O símbolo que identifica o edificio é o escudo de Juan de San Clemente e Torquemada: o capelo coas 10 borlas verdes a cada lado identifican o grao de arcebispo; a áncora, o martirio de San Clemente, ea torre en chamas, o apelido Torquemada.
O edificio naceu como centro de ensinanza e esa mesma función continúa na actualidade. Primeiramente, como Colexio de Pasantes, acolleu a estudantes licenciados que recibían bolsas para estudar teoloxía (función que cumpriu ata principios do século XIX), agora acolle a preto de 1100 estudantes que cursan estudos de ESO, Bacharelato, Bacharelato Internacional, Ciclos Formativos de Grao Superior e Educación de Adultos.
O NOSO COMPROMISO
Dende as súa orixes, o instituto sempre se caracterizou polo seu compromiso ineludible co ensino público de calidade, que pon o foco no alumnado e a súa aprendizaxe baseada no talento, no esforzo e na constancia, atendendo sempre á diversidade e garantindo a igualdade de oportunidades; que busca por riba de todo un bo ambiente de traballo, no que prime o respecto mutuo, a tolerancia e o diálogo. Un centro de encino comprometido coa súa contorna, que procura ser atractivo para as familias e que se preocupa por cumprir as súas expectativas sobre os estudos dos seus fillos e fillas; orgulloso de levar o nome de Rosalía de Castro, pero ao mesmo tempo aberto ao mundo.
Un dos sinais de identidade do instituto son os numerosos proxectos que se desenvolven ao longo do curso, proxectos que aportan un valor engadido á formación do alumnado. O proxecto plurilingüe, que busca mellorar a competencia das linguas estranxeiras que se imparten no centro: inglés, francés, alemán e portugués, e que leva a ofertar diferentes intercambios internacionais: Londres, Chicago, Vannes, Franfurt, Australia, e inmersións lingüísticas en Irlanda no mes de setembro. O Premio de Narrativa San Clemente e o Premio de ensaio Bento Spinoza, que serven para potenciar a lectura e converter aos estudantes en críticos porque son eles quen deciden as novelas e os ensaios premiados. O Premio Stephen Hawking de xoves investigadores, que busca estimular a indagación e a investigación científica e espertar nas alumnas o interese pola ciencia.
En fin, queremos que todo o noso labor sirva para que os estudantes teñan bos resultados académicos e saian do instituto cun amplo abano de capacidades e responsabilidades, que sexan respectuosos con eles mesmos e cos demais, íntegros e solidarios, de mentalidade aberta, que se expresen con confianza e creatividade en diferentes linguas; queremos que teñan curiosidade por aprender e capacidade para interpretar e influír positivamente no mundo que lles rodea, que sexan organizados no que respecta aos hábitos de traballo e que dispoñan de técnicas de estudo que lles permitan ter durante toda a vida unha inclinación cara á aprendizaxe.